domingo, 27 de setembro de 2026

UN VULTO BRILLANTE QUE DEFORMA A UNLLA

Presentación clínica


Doado. Frecuencia alta.


A presenza dunha pequena lesión elevada, branda e de superficie brillante na parte distal dun dedo debe facernos pensar nun quiste mixoide dixital, especialmente cando se localiza preto da unlla. E hai unha pista que pode ser aínda máis rechamante ca o propio quiste: un suco lonxitudinal na lámina ungueal.
Quiste mixoide dixital situado próximo ao pregamento ungueal proximal. Apréciase a alteración lonxitudinal da lámina ungueal secundaria á afectación da matriz.

O quiste mixoide dixital, tamén denominado quiste mucoso dixital ou pseudoquiste mixoide, é unha lesión benigna que aparece habitualmente preto da articulación interfalánxica distal (IFD) e do aparato ungueal.

Adoita medir menos de 1 cm e preséntase como unha pequena tumoración redondeada, lisa, de cor da pel ou lixeiramente translúcida. Xeralmente é asintomática, aínda que pode resultar dolorosa se se inflama ou sofre un traumatismo. Nalgunhas ocasións pode drenar espontaneamente un material transparente, viscoso e pegañento.

Por que aparece?

É máis frecuente a partir da sexta década da vida e existe unha asociación ben coñecida coa artrose da articulación interfalánxica distal. Nas persoas máis novas, os traumatismos repetidos ou o uso continuado do dedo tamén poden contribuír á súa aparición.

Na maior parte dos casos trátase de pequenos ganglións relacionados coa articulación subxacente, especialmente cando existen cambios dexenerativos articulares. 

Representación esquemática dun quiste mixoide relacionado coa articulación interfalánxica distal. O contido é xelatinoso e rico en ácido hialurónico.
 

 A unlla pode darnos a pista

Este é probablemente un dos aspectos máis interesantes do quiste mixoide desde o punto de vista clínico.

Cando a lesión se sitúa próxima ao pregamento ungueal proximal pode comprimir a matriz da uña. Como a matriz é a responsable de formar a lámina ungueal, unha presión mantida sobre unha pequena zona pode alterar o seu crecemento.

Quiste → presión sobre a matriz → alteración da formación da lámina → suco lonxitudinal

O resultado pode ser unha depresión ou canle lonxitudinal da lámina, é dicir, unha auténtica distrofia canaliforme ungueal. Nalgúns pacientes esta alteración pode resultar máis evidente ca o propio quiste.

Necesitamos probas complementarias?

Na maioría dos casos, non. O diagnóstico adoita ser clínico pola combinación dunha morfoloxía e dunha localización características.

Cando a lesión é subungueal, presenta unha aparencia atípica ou existen dúbidas diagnósticas, poden ser útiles as probas de imaxe e, excepcionalmente, a biopsia.

Unha radiografía pode resultar útil cando queremos valorar a existencia de artrose ou osteófitos da articulación interfalánxica distal, aínda que non é necesaria de forma sistemática.

Sempre hai que tratalo?

Non. Un quiste pequeno e asintomático pode simplemente observarse.

O tratamento pode considerarse cando existe dor, episodios repetidos de inflamación ou drenaxe, adelgazamento da pel, unha deformidade ungueal importante ou repercusión funcional ou estética.

Opcións de tratamento
Opción Vantaxe principal Limitación
Observación Adecuada se é asintomático. Evita procedementos innecesarios. O quiste pode persistir ou recidivar.
Drenaxe + terapia compresiva Técnica sinxela e minimamente invasiva. A presión mantida pode favorecer o colapso do quiste, a fibrose e diminuír o seu recheo tras a drenaxe. Pode recidivar e a evidencia dispoñible é máis limitada ca para a cirurxía.
Crioterapia Procedemento ambulatorio relativamente sinxelo. Posibilidade de recidiva e lesión local dos tecidos.
Escleroterapia Alternativa non cirúrxica cunha boa taxa de resposta. Pode producir dor, inflamación e recidiva.
Cirurxía É a opción coa maior taxa de curación; nas revisións sistemáticas aproxímase ao 95 %. Risco de cicatriz, rixidez, dor ou infección.

Os procedementos conservadores teñen como principal inconveniente a recidiva. A cirurxía é o tratamento coa maior taxa de curación, especialmente cando se aborda adecuadamente a lesión e, cando procede, os cambios articulares asociados.

Para lembrar
Ante un pequeno vulto brillante ou translúcido próximo a unha articulación interfalánxica distal, especialmente nunha persoa con artrose, debemos pensar nun quiste mixoide. Se ademais atopamos un suco lonxitudinal ou unha distrofia canaliforme da uña, a propia uña pode estar indicándonos onde está o problema.

Bibliografía e fontes de interese

British Association of Dermatologists. Digital myxoid cysts. Actualización setembro de 2024. British Association of Dermatologists .

Jabbour S, Kechichian E, Haber R, Tomb R, Nasr M. Management of digital mucous cysts: a systematic review and treatment algorithm. International Journal of Dermatology. 2017;56:701-708. PubMed .

Laulan J, Chammas M. Digital mucous cyst. Hand Surgery & Rehabilitation. 2024. PubMed .

DermNet NZ. Digital myxoid pseudocyst. DermNet .

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Teño unha unlla de cor verde

Presentación clínica Fácil. Frecuencia media. Caso clínico F.T. é un home de 48 anos que consultaba por outro motivo. Antes de mar...